Carracedo

Ángel Carracedo, no laboratorio de Xenómica situado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Ángel Carracedo, no laboratorio de Xenómica. / Anxo Iglesias

 

 


Carracedo: ‘A educación necesita unha revolución absoluta’

O científico galego, autoridade mundial en Xenómica, di que non deixaría Galicia 'nin por todos os cartos do mundo', aínda que recibe ofertas millonarias

 

 

Dende Compostela, Ángel Carracedo (Santa Comba, 1955) dirixe o laboratorio de investigación número 1 do mundo en Medicina Legal.  Conta cun recoñecemento planetario como experto en xenómica, e segue a ser catedrático da Universidade de Santiago. Acumula premios internacionais e doutorados honoris causa. Pero case todas as semanas visita un instituto ou recibe a estudantes para achegarlles a súa paixón pola ciencia. É un científico e un home sinxelo, apaixonado da súa terra, que non abandonaría “por todos os cartos do mundo”, malia ter ofertas millonarias. E está preocupado co futuro da educación e coa divulgación. Así é Carracedo na nosa entrevista en profundidade.

–Non é habitual que un científico sexa coñecido polos cidadáns. Como leva ser un científico popular?

–Eu non vivo a popularidade. Vivo no meu mundo de familia e científico. Non fago moita vida social. Pero si me gusta interactuar moito coa xente. Decateime tarde, pero dinme conta da importancia da divulgación. Case todas as semanas do ano fago unha visita a algún instituto, mesmo nesta que cheguei esta mesma mañá de viaxe das illas Galápagos e ando co ‘jet lag’.

‘A nosa educación mata a creatividade e a curiosidade; a xente non é libre’

–Para un científico co seu alto nivel de traballo, será todo un sacrificio…

–Para nada. Adoito dar prioridade a comunicar as cousas que facemos e estimular aos mozos na investigación. Vou a Cee, a Verín e onde sexa a contar as cousas que facemos. Vivimos nun mundo só de noticias e a xente non coñece o mundo que lle rodea. Por iso é importante educar e divulgar.

–Moitos científicos din que o difícil é conseguir contar as súas investigacións nunha linguaxe sinxela…

–É verdade que hai esa desconexión e se debe romper. Eu teño concienciados a todos os investigadores do meu grupo na necesidade de comunicar á sociedade. Cando vén unha visita dun instituto todos participan. Estamos a rachar con esa separación entre dous mundos. E para min non é un sacrificio. É un agasallo cada semana. O único que poño como condición é que non me paguen nin a viaxe, porque é un regalo que queiran que acudas para contarlles o teu traballo.

Ángel Carracedo. / Anxo Iglesias

Ángel Carracedo. / Anxo Iglesias

–Que se fai mal na educación para que os rapaces fuxan das materias científicas?

–Creo que o problema máis grande que temos hoxe é a educación. Creo que facemos unha educación decimonónica en contidos e en formas. E que necesita unha revolución absoluta. Porque non contamos o mundo que nos rodea. A xente non entende nada. Non sabe por que non cae o Sol. Proba a preguntarlle aos nenos por que sobe ou baixa a marea! Isto ten que cambiar de xeito radical. Matamos completamente a curiosidade e a creatividade. Só facemos contidos memorísticos absurdos e desconectados da realidade. Véxoo como o maior problema que hai. Cun agravante: co sistema educativo que temos, a xente non é libre. Isto hai que cambialo de xeito radical.

–Dicía Einstein que de verdade comprendía algo cando podía explicarllo á súa avoa… Como explicaría á súa avoa as súas investigacións?

–A xenética parece difícil, pero eu utilizo as mesmas diapositivas dun congreso ultraespecializado para contarllas a nenos de doce anos e eles poden entendelo todo perfectamente. É cuestión de como comuniques, das palabras que elixas. Non tes que dicir ‘xene’. Podes dicir ‘capítulo dun libro de instrucións’. Podes eludir calquera palabra técnica. E crear empatía, contar as cousas como unha historia.

‘Vivimos unha revolución tecnolóxica dunha magnitude decisiva’

–A xenética vive fitos revolucionarios. Primeiro foi a estrutura da dobre hélice, logo a secuenciación do xenoma humano… onde estamos agora mesmo? Cal é o reto do momento?

–Todos os momentos son bonitos. Pero os hai de maior impacto e ruptura, como o de agora. Pola secuenciación de nova xeración. Hai avances que cambian todo moito. O proxecto Xenoma Humano durou 12 anos e foi antonte, de 1990 a 2002. Traballaron miles de científicos e custou miles de millóns. E agora podes facer o mesmo aquí, no teu laboratorio, nun só día e que che custe mil euros todo o xenoma enteiro. Isto cambia moito as formulacións, a investigación… é unha revolución tecnolóxica dunha magnitude decisiva. Vivimos nun momento apaixonante que che permite retos máis audaces no coñecemento da enfermidade e da vida.

–Tamén cambia o xeito de pensar da sociedade… a xenética levou primeiro ao determinismo, todo estaba escrito… agora impera a epixenética, o ambiente é decisivo…

–No século XX vivimos por extremos. Todo era cultural ou todo era xenético, segundo a época. Agora as cousas están no seu sitio. E sabemos que a vida é unha combinación de xenes e ambiente. E, de feito, comezamos a ver como se relacionan e como inflúen as dúas variantes.

–Na súa faceta de medicina legal, o seu laboratorio resolveu casos de grande impacto mediático…

–Isto contribuíu a darnos popularidade, aínda que é unha parte pequena do grupo. De máis de cen persoas, só traballan nese eido unha ducia. Ten moito impacto mediático. É o tema co que empezamos e aínda hoxe lideramos o mundo en produción científica. Recordo crimes sen culpable en Holanda, en Colombia no Reino Unido que foron resoltos grazas ás nosas investigacións.

‘Hai que empregar o galego en divulgación; o único xeito de emocionar é usar a propia lingua’

–Hai unha satisfacción especial en resolver un crime dende a ciencia?

–Por suposto. A nós non nos importa sen os casos que nos chegan son mediáticos ou non. Eu nunca entendín moi ben a dinámica do mediático. Gústanos cando son casos nos que podemos aplicar cousas que desenvolvemos de última xeración e que outros grupos non teñen. E sabes que axudaches a resolver un caso ou un diagnóstico médico. No último máis coñecido, puidemos dar datos de idade, da cor dos ollos e da orixe xeográfica dunha persoa por unha mostra biolóxica. Isto non o pode facer ninguén, só nós. Como no asasino do crime de Alxete. E iso te da satisfacción.

–Pero, cando fan a investigación, non coñecen o contexto do crime…

–Normalmente, non. Aquí decátanse antes os xornalistas que nós. Chámannos para preguntarnos de casos que nin coñecemos. Nós analizamos unha mostra, pero non sabemos que fixo o protagonista do caso.

–Vemos CSI, pero o primeiro laboratorio do mundo en medicina forense está en Compostela e o dirixe vostede…

–Nos laboratorios do mundo forense, o NIST, que é o de Estados Unidos, está de sexto. A ciencia forense é moi europea. Aquí se fixeron os grandes desenvolvementos. E dos 10 primeiros grupos do mundo, seis son europeos. E nós somos o primeiro. CSI é unha serie americana, pero a ciencia forense en América non está á altura de Europa.

‘Teño ofertas, pero non me iría de Galicia nin por todos os cartos do mundo’

–O seu grupo atrae científicos… Que opina da saída constante de investigadores ao extranxeiro?

–Saír é bo, pero tamén captar e reter talento. No meu grupo, temos a sorte de que exportamos, pero tamén importamos xente. Agora mesmo, teño quince nacionalidades. O éxito grande de Estados Unidos, que agora tamén aplican en Europa, é levar post-docs europeos. No seu mellor momento de produción científica aproveitan aos mellores. Aquí non se está facendo. Non hai ningún esforzo por captar ou reter o bo. Formas a xente e, no momento mellor, expúlsalos. Vaia negocio! Cando eu vou a América, eles me din: Envíanos post-docs. Si, pero, cantos post-doc me vas mandar ti? Porque isto ten que ser recíproco. Se non, é un desastre.

–O discurso político sempre aposta pola ciencia. Mesmo teñen falado de refundar a economía dende a investigación e o coñecemento. Que pensa cando escoita estas declaracións?

–Eu simplemente poño os datos sobre a mesa. En ciencia, hai pouca marxe para o debate nestes temas. Que porcentaxe gastamos do PIB en I+D? Non chegamos á media da OCDE. Estamos no 1,4 por cento e queremos chegar ao 2 por cento, que seguiría sendo baixo. E tampouco funciona o sector privado. Temos o que temos. Son datos do Instituto Nacional de Estatística. É a realidade.

–Que faría Carracedo se puidese decidir?

–Eu priorizaría a captación da xente. E non o fixo nunca ninguén. Se captas xente boa, van crear riqueza e recursos. Van traer fondos europeos, van crear spin-offs… tamén hai que reter o que hai aquí, porque temos bos investigadores que se teñen que ir fóra, porque aquí non hai traballo. Aquí é onde hai que facer o esforzo… Pero nestas cousas nunca me fixeron ningún caso. E non entendo por que non o ven, porque non hai que poñer cartos para investigar. Investígase con fondos europeos. E os fondos europeos van captalos os científicos. Se tes recursos humanos, chegarán os cartos.

‘A ciencia en España está menos ben do que a xente pensa: a receita e captar talento’

–Supoño que moitas veces no mundo tentaron fichar a Carracedo…

–Moitas veces. Con ofertas moi boas.

–Como de boas?

–Tiven ofertas millonarias. Millonarias de euros por ano. Unha que me acaban de facer supera con moito gañar nun ano o que gañaría de aquí á miña xubilación, e aínda me quedan dez anos. Moitísimo máis. Un amigo aceptou hai pouco e marchou. E, ademais, dábanlle 20 millóns ao ano para investigar.

–E por que nunca aceptou?

–Por que nunca aceptei? Porque me sería moi difícil vivir fóra da miña contorna familiar. E gústame estar aquí. Gústame a miña terra. Gústame culturalmente, estou moi identificado con Galicia. Gústame. Non vou saltar do barco agora. Ningunha oferta por todo o diñeiro do mundo que me pagasen a aceptaría.

–Debe empregarse máis o galego en ciencia?

–Eu teño unha fortuna grandísima na miña vida que é que estudei por libre ata os 15 anos. En Santa Comba, só había ata ingreso, aos 10 anos. O resto o fixen pola miña conta, na casa. Examinábame por libre. Os exames eran en castelán. Pero a miña nai era de Valladolid e por iso teño un bilingüismo absoluto. Eu fago a miña divulgación en galego. O primeiro por chegar á xente. Un dos regalos mellores que me fixeron nunca foi un libro dos rapaces do instituto Alfredo Brañas de Carballo. Todos escribiron o que sentían. E cada frase era emocionante. E moitos dicían: “Sentímolo noso”. A única maneira de ter empatía e de emocionar é facelo na lingua na que eles sinten.

–Isto é totalmente compatible co que o estándar científico internacional sexa o inglés…

–Por suposto.Os artigos non teñen sentido en galego. Para que vas facer unha revista de xenética en galego? Para que a lean catro? Hai que publicar en inglés para que a lean todos. Tampouco podes publicar en Nature en castelán. Hai que publicar en Science e Nature. Ir a polas mellores revistas. Agora nós publicamos nelas regularmente, pero antes para Galicia iso era case unha milagre.

Agora podemos secuenciar nun día un xenoma que levou facelo 12 anos

–Pero si aposta polo galego na educación e na divulgación…

–É importante o galego na divulgación. Porque tamén creas linguaxe. Tes que elaborar neoloxismos para os novos termos que van aparecendo. E isto fai lingua. Se non queda a linguaxe pobre. Penso que non temos que ser estremos. E facer as cousas con sentido común. Tampouco ten moito sentido que, nunha reunión na que hai un inglés, non poidamos falar en inglés. Neste sentido, os galegos, que somos unha terra emigrante, sempre fumos tolerantes e sempre quixemos falar no idioma do interlocutor.

–Onde está Galicia no panorama científico mundial?

–Para isto tamén hai datos. En España estamos moito menos ben do que a xente pensa. A produción científica non se mide por país, senón per cápita. E as cifras se dan de xeito absoluto para non dicir a verdade. Non estamos entre os vinte mellores países do mundo en investigación. Non estamos mellor que Portugal ou Grecia.

–Co cal, en Galicia…

–En Galicia, estamos igual. Non somos Oxford. Somos o que somos. Podemos facer ciencia de calidade a nivel mundial. É evidente. O primeiro artigo que se publicou en Science foi en 1978 por Josefina Méndez Felpeto, unha xenetista da Coruña. Logo tardamos oito anos en publicar outro. Pero un grupo como o noso nos últimos 6 anos igual leva 25. Dos trinta que publicou Galicia en Nature ou Science en toda a historia. Pero é que trinta é o que publica Oxford cada tres meses. A nosa realidade é a que temos, e hai que mellorala para facer un país mellor, máis rico e máis feliz.