Feliz Ano 2017. Feliz Ciencia en Galego 2017!

A ONU declarou o ano 2017 como o Ano Internacional do Turismo Sostible , nós traducímolo a 2017-Viaxes pola Ciencia nas que vos convidamos a participar:

-Celebrando a Viaxe do Beagle, a viaxe científica de Darwin que cambiou a maneira de pensar sobre a orixe das especies, a evolución e o papel da xenética neste proceso. A Bioloxía fíxose intelixible e adquiriu unha historia de miles de millóns de anos de evolución, marcada tamén pola evolución xeolóxica.

-Celebrando as Viaxes de Domingo Fontán para elaborar con métodos modernos, matemáticos e exactos o primeiro mapa actual de Galicia. É un dos referentes dos científicos galegos, e coa súa Carta Xeométrica coida e mima co seu saber a nosa terra como poucos. 

-Realizando actividades de Ciencia no Camiño de Santiago, unha viaxe sostible onde as haxa.

-Actividades coa tecnoloxía viaxeira, como oGPS, SIX... Saídas ao campo. Que tal un debuxo xigante, como os de Nazca, dun labirinto galego de Mogor, ou un misterioso triskel nas leiras de millo ou prados, de apariencia extraterrestre?

-Proxectando o Ano Internacional a outras ciencias: en Xeografía os mapas- que nunca poden faltar nas viaxes-, en matemáticas as proxeccións, en Tecnoloxía GPS e App inventor... Queremos facer convosco unha base de datos latitude/lonxitude dos lugares da nosa cultura, románico, igrexas, fervenzas, vexetación e flora, da fauna e pesca que coñezades.E non só iso senón as festas, música, todo aquilo que queirades xeoreferenciar na vosa zona: o voso queixo ou o voso pan...

Un traballo que merece todo un ano para el...

VIII Día da Ciencia en galego

AnexoTamaño
Feliz-ciencia-en-galego.jpg365.39 KB