Guía dos elementos químicos, unha publicación cunha linguaxe clara e precisa sobre os elementos químicos

Submitted by admin on Lun, 01/28/2019 - 15:07

https://xornal.usc.es/xornal/acontece/2018_10/noticia_0164.html

Os profesores da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Ana María González Noya, Marcelino Maneiro Maneiro e Manuel Bermejo Patiño son autores da Guía dos elementos químicos, unha publicación divulgativa do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, coa revisión lingüística e terminolóxica dos investigadores Tania de Dios Miguéns, Beatriz Fariñas, Belén Poutón e Inés Veiga, e baixo a coordinación de Manuel González, catedrático da USC e director do Centro.

A publicación foi presentada nun acto no que participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e o propio director do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González González, xunto cos autores da publicación, continuadora da obra O nome e o símbolo dos elementos químicos (2006). Esta guía ofrece datos de interese para cada un dos elementos coñecidos cunha linguaxe clara e precisa, accesible non só aos lectores vinculados profesionalmente á química senón tamén a aqueles alleos a esta materia.

Manuel González resalta á importancia desta obra para a estandarización denominativa dos elementos químicos en galego e para a normalización desta lingua no ámbito das ciencias experimentais. Salientou o feito de que recolle xa os nomes dos últimos elementos químicos descubertos, que ata hai pouco carecían de denominación, e destacou a importancia do traballo colaborativo en obras deste tipo. Á importancia da táboa periódica creada por Dmitri Mendeleiev, como «o instrumento máis marabilloso ideado polos seres humanos para construír química», aludiu Manuel Bermejo, mentres que Marcelino Maneiro destacou o compromiso dos autores co galego e salientou a necesidade de crear ferramentas de referencia que contribúan a normalizar o uso desta lingua e potenciar a súa proxección internacional.

Ana María González Noya referiuse á inestimable contribución das mulleres ao desenvolvemento da ciencia e insistiu na necesidade de visibilizar referentes femininos nos que poidan inspirarse as nenas de hoxe, e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, poxo de relevo a oportunidade da obra, que se presenta no mes da ciencia, e que se suma ás iniciativas de conmemoración da creación da táboa periódica por Dmitri Mendeleiev, que no ano 2019 celebrará o seu 150 aniversario, feito polo que a ONU acordou proclamar ese ano como «o ano internacional da táboa periódica».

A obra referida componse de 118 capítulos, un por cada elemento químico coñecido -desde o hidróxeno, co número atómico 1, ata o oganesson, co número 118-, cunha sección final dedicada aos intentos levados a cabo para a sintetización do elemento 119. En cada capítulo inclúese información xeral do elemento (masa atómica, estado en condicións estándar, densidade e puntos de fusión e de ebulición), seguidos da historia do seu descubrimento, os nomes elixidos para a súa designación, a súa concentración na codia terrestre, os métodos empregados para a súa obtención, as súas propiedades e aplicacións e finalmente a súa importancia biolóxica. Cada un dos elementos acompáñase ademais de diversas imaxes relacionadas co texto, o que confire ao volume un maior atractivo para os lectores.

Este libro incorpora as denominacións aprobadas recentemente pola Unión Internacional de Química Pura e Aplicada (IUPAC) para os últimos elementos descubertos (nihonio, moscovio, ténnesso e oganesson). Ademais, a terminoloxía desta obra foi revisada polo Servizo de Terminoloxía Galega (TERMIGAL), o que sen dúbida contribuirá a estandarizar a súa denominación no galego.

Menus