A ciencia en galego ten igual potencialidade que en castelán

«A ciencia en galego ten igual potencialidade que en castelán»


Presentou na Facultade de Física a nova edición do «Manual de galego científico», que utiliza na Universidade de Vigo


JOEL GÓMEZ
santiago / la voz
9/4/2011


Doutor en Bioloxía pola USC e en Filoloxía pola Universidade de Vigo, onde é profesor de tradución técnico-científica, Carlos Garrido presentou na Facultade de Física do Campus Vida a segunda edición do Manual de galego científico, que elaborou xunto con Carles Riera, docente de Filoloxía da Universidade Ramón Llull de Cataluña, e que sae na editora Através. «A ciencia en galego ten igual potencialidade que en castelán», afirma Garrido, que reivindica un maior e mellor uso do idioma nos traballos de investigación.


-¿Como pode frutificar esa potencialidade?


-A maior potencialidade está en utilizar un modelo galego-portugués para esa expresión especializada e para a comunicación internacional. De feito, a edición anterior deste Manual de galego científico inspirou diversos traballos de terminoloxía e serviu de base para varios cursos de galego técnico-científico na Universidade de Vigo.


-¿Cal é a novidade desta nova edición?


-É unha reedición moito máis alargada. Agora ten máis de 600 páxinas e presenta un panorama aínda maior da constitución do galego técnico-científico. A novidade principal é a inclusión dunha extensa sección dedicada ao estudo da morfosintaxe da lingua especializada, fundamento da redacción técnica e aspecto central para un cultivo eficaz do galego científico. Tamén se reforza a análise da estratexia de habilitación en galego das linguas especializadas, hai un tratamento máis completo da acentuación dos termos, da conversión semántica e da abreviación, ben como a inclusión de moitos máis exemplos e de novos apéndices de interese práctico sobre cuestións de números, símbolos ou expresións cuantitativas, entre outras.


-¿Pensa que se usará máis o galego no ámbito científico?


-Penso que a mellor, quizá mesmo a única vía con futuro, é a que defende este manual, xa que a coordinación lingüística galego-portuguesa pola que se avoga representa para o noso idioma, simultaneamente, unha garantía de xenuinidade e unha garantía de proxección, que permiten vencer a súa degradación e traspasar os estreitos límites que hoxe comprometen a súa sobrevivencia.


-¿Non é un ámbito moi dominado pola lingua inglesa?


-Para a produción e a divulgación da ciencia, o galego ten plena funcionalidade e, co modelo que propoño, as mesmas posibilidades que o castelán.


carlos garrido filólogo, biólogo e profesor de tradución