http://www.xunta.es/linguagalega/dia_da_ciencia_en_galego
A secretaría Xeral cita o noso web
Día da Ciencia en Galego
A Xunta de Galicia únese á celebración do Día da Ciencia en galego, coa intención de poñer en valor o uso do galego no ámbito científico e de contribuír a promover a investigación desenvolvida na nosa lingua.
A investigación científica e a súa divulgación, incluída tamén a das humanidades, son piares básicos para o progreso da sociedade. A lingua galega debe incorporarse naturalmente, e con plena validez, como vehículo para a transmisión social deses avances no coñecemento nas diferentes áreas.
O pasado mes de maio o Consello da Cultura Galega facía públicas as conclusións da xornada “Escribir de Ciencia en galego”, nas que diversos especialistas debuxaron unha diagnose sobre a divulgación, a comunicación e a formación científica en relación coa lingua galega, campos nos que queda aínda camiño por percorrer.
Desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística queremos unirnos á celebración desta data mediante a visibilización dunha multitude de recursos existentes, de acceso sinxelo e universal a través da Internet, que poden resultar de utilidade para avanzar na consolidación do galego na Ciencia.
- Actividades universitarias da USC para o Día da Ciencia en galego
Unha ampla programación que se vai desenvolver en diferentes centros da Universidade de Santiago de Compostela: Bioloxía, ETSE, Física e Matemáticas (Campus de Santiago) e na Biblioteca Intercentros, Ciencias, EPS e Veterinaria (Campus de Lugo). - Día da ciencia en galego no web da Coordinadora Galega de Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística
Proposta de dúas videoconferencias de investigadores galegos, vía web, para escolares de primaria e de secundaria. - Galiciencia
Este mes, os días 23, 24 e 25, vai ter lugar tamén Galiciencia, a feira científica de Galicia na que profesorado e alumnado poden dar a coñecer os seus proxectos. - Programa ConCiencia:
Programa de divulgación científica da USC e o Consorcio de Santiago de Compostela.
Outros Ben falado sobre ciencia:
- Entrevista con Ángel Carracedo
- A Casa das Ciencias
- A Domus da Coruña
- A Casa dos Peixes
- A Galipedia. Coñecemento en galego
- Terminoloxía dos diferentes ámbitos científicos
- Xornada “Escribir de ciencia en galego” (CCG)
- Lingua e investigación: relatorios xornada UDC
Existen convocatorias de axudas para a investigación en galego desde as universidades:
- Boletíns de ciencia e tecnoloxía dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega
- Como facer un traballo de investigación
- Lóxica, matemáticas e enigmas visuais
- Miniatlas Xeobotánico de Galicia
- Inventores: coñece a Ramón Verea
Ademais da investigación que se realiza en galego, tamén se leva a cabo un amplo labor de investigación sobre o propio idioma.
Galicia conta con referentes de recoñecido prestixio que contribúen a avanzar nesta dirección. É o caso do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Este centro traballa actualmente en diversos proxectos que inciden no estudo filolóxico e de conservación das fontes lingüísticas, literarias e antropolóxicas e que permiten unha investigación en profundidade da historia lingüística e literaria do galego.
A Real Academia Galega (RAG) é outro destes referentes. Ao abeiro dun convenio coa Xunta de Galicia, leva adiante un destacado labor no ámbito terminolóxico, no que traballa conxuntamente co CRPIH a través do Termigal. A RAG tamén desenvolve proxectos de investigación e divulgación lingüística de alta relevancia social arredor doutros campos, como o da lexicografía e o da sociolingüística.
A Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña tamén impulsan a promoción da investigación sobre o galego, que experimentou nas últimas décadas avances importantes na realización de traballos de fin de carreira, de teses de licenciatura e de teses de doutoramento, así como na publicación de traballos e investigacións nas principais revistas científicas de referencia dentro e fóra de Galicia.
A estes avances tamén contribuíu en gran medida o Instituto da Lingua Galega (ILG), da universidade compostelá. O froito do seu labor durante catro décadas fixo posible a recollida e posta en valor a lingua oral, forneceu de materiais de referencia na ortografía, no léxico e na gramática, e favoreceu o estudo a fondo das variedades da lingua.
MATERIAIS DE INTERESE
Espazo para a divulgación e a comunicación da ciencia, a tecnoloxía e a innovación en Galicia.
Páxina con información sobre as actividades relacionadas co día da ciencia en galego no ámbito educativo.
Portal dixital galego do ensino que inclúe diversa información sobre o día da ciencia en galego.
Iniciativa do Consello da Cultura Galega que recupera os protagonistas da modernización científica, cultural e educativa de Galicia no primeiro terzo do século XX.
Iniciativa da Universidade de Vigo para apoiar a difusión, a comunicación e a divulgación dos resultados das investigacións científicas da universidade.
Blog da asociación con información sobre as súas actividades.