CIG-Ensino

4 de novembro: Día da ciencia en galego

O dereito a gozar da ciencia en galego, a química fala galego
Hoxe, 4 de novembro, celebramos o día da Ciencia en galego. Para a CIG-Ensino trátase dunha data fundamental en tanto en canto cómpre reivindicar que a nosa lingua tamén é para a ciencia. Esta reivindicación fíxose aínda máis importante despois da publicación do actual Decreto 79/2010 mediante o cal a Consellaría de Educación tentou prohibir que as matemáticas, a física e química e a tecnoloxía se impartisen na nosa lingua. Esta medida, alén de ser contraria ás recomendacións sociolingüísticas para a normalización dunha lingua e do propio Plan Xeral de Normalización da Lingua galega, pretendía enviar unha clara mensaxe de que a nosa lingua non serve para a ciencia, afondando nos prexuízos que nos conduciron á situación de diglosia en que vivimos.
Día da ciencia en galego 2011

No seu día a CIG-Ensino promoveu un encontro co profesorado das materias afectadas para animalo a seguir ensinando en galego e trasladarlle todo o apoio da organización sindical no exercicio dese compromiso.

Este ano, o lema  proposro para esta data: “O dereito a gozar da ciencia en galego, a química fala galego” e acordaron homenaxear á matemática galega María Wonenburger, homenaxeando así ás primeiras docentes e científicas que contribuíron a reivindicar o espazo que ás mulleres corresponde.

Por todo isto a CIG-Ensino anímavos a participar na celebración de tan importante data e fai público o seu recoñecemento aos centros educativos e ao profesorado que neste día está a desenvolver distintas actividades científicas en galego. Este traballo colectivo é a mellor ferramenta para a normalización e o prestixio do noso idioma.

http://www.cig-ensino.com/novas/4-11-2011/4-de-novembro-d-a-da-ciencia-en-galego