Detectives científicos: Os alumnos de 6º de Primaria do CEIP de Cervo

Día da Ciencia en Galego no CEIP de Cervo

DETECTIVES CIENTIFICOS de Sexto curso

Ola nenos e nenas, sabedes que pasa no cole na noite de Samaín? Non? O que pasou foi incrible! Contámosvolo. Esta noite veu unha meiga e cambiou os rotuladores por uns que ela fixo mesturando tinta de varias cores. Agora imos intentar atopar cales cambiou. Os alumnos e alumnas de sexto fixemos dous equipos de detectives científicos. Uns buscarán os falsos rotulas coa axuda de auga e un xiz, outros empregarán papel de filtro (como o que se usa nalgunhas cafeteiras).

Equipo 1

 

Co noso xiz máxico (xiz cadrado) poderemos atopalo. Botamos nun recipiente un chisquiño de auga. Agora pintamos nunha cara do xiz, na parte de abaixo e na de arriba un punto dun dos rotuladores que imos analizar, e facemos o mesmo nas outras caras cos outros tres rotuladores. Colocamos o xiz na auga, pero… coidado! a auga non pode tocar os puntos senón caerá unha maldición no cole. Fixádevos ben, porque se vai producir unha carreira de cores. Vexamos cal vai máis rápido. A auga que absorbe o xiz polos seus poros vaise atopar con tintas de cores diferentes, dunhas é máis “amiga” e entón disólvense mellor e déixanse arrastrar por ela,  as que son menos “amigas” van máis lentas e así sepáranse e deixan ver as cores que mesturou a bruxa. Mirade! Maxia! As cores que mesturou quedan “escritas” sobre as paredes do xiz. Por iso a esta técnica para separar as tintas chámaselle cromatografía, que significa escritura de cores. Se queredes facer a proba, empregade rotuladores negros, marróns, verdes e de todas aquelas cores que sabedes que se poden obter mesturando outras. Como veredes, hai rotuladores que non tocaron as bruxas, son tintas puras, non están mesturadas.

Paula, portavoz do equipo 1

Equipo 2

 

Tal como vedes nas fotos, nós empregamos frascos, auga, tiras de papel de filtro e fío para colgar as tiras do noso analizador máxico.

Primeiro facemos uns puntos coas cores un abaixo e outro arriba,o de arriba  sérvenos de testemuña  porque o de abaixo cambia e ao mellor non lembramos a cor que puxemos en cada tira. Despois metemos as tiras nos tarros cunha pouca auga, de maneira  que toque o papel pero que non toque a cor. Se esperamos un  pouco veremos como o papel absorbe a auga que sobe polo papel e, cando se atopa co punto de cor, arrastra as tintas que o forman.  Conseguimos así unha belísima escritura de cores, con esta cromatografía.  Ah! E localizamos as tintas que están formadas por mesturas de tintas doutras cores.

Inoa, portavoz do equipo 2

Ah! Esquecíasenos, preguntástesvos algunha vez como fan as plantas, xa que non teñen corazón, para subir a auga cos minerais que recollen as raíces do chan?