http://tesmoitalingua.blogspot.com.es/2017/10/viii-dia-da-ciencia-en-ga…

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

miércoles, 25 de octubre de 2017

VIII Día da Ciencia en Galego 2017!

 
 A ONU declarou o ano 2017 como o Ano Internacional do Turismo Sostible , nós traducímolo a 2017-Viaxes pola Ciencia nas que vos convidamos a participar:
 
 
-Celebrando a Viaxe do Beagle, a viaxe científica de Darwin que cambiou a maneira de pensar sobre a orixe das especies, a evolución e o papel da xenética neste proceso. A Bioloxía fíxose intelixible e adquiriu unha historia de miles de millóns de anos de evolución, marcada tamén pola evolución xeolóxica.
 
-Celebrando as Viaxes de Domingo Fontán para elaborar con métodos modernos, matemáticos e exactos o primeiro mapa actual de Galicia. É un dos referentes dos científicos galegos, e coa súa Carta Xeométrica coida e mima co seu saber a nosa terra como poucos.
 
-Realizando actividades de Ciencia no Camiño de Santiago, unha viaxe sostible onde as haxa.
-Actividades coa tecnoloxía viaxeira, como o GPS, SIX... Saídas ao campo. Que tal un debuxo xigante, como os de Nazca, dun labirinto galego de Mogor, ou un misterioso triskel nas leiras de millo ou prados, de apariencia extraterrestre?
 
-Proxectando o Ano Internacional a outras ciencias: en Xeografía os mapas- que nunca poden faltar nas viaxes-, en matemáticas as proxeccións, en Tecnoloxía GPS e App inventor... Queremos facer convosco unha base de datos latitude/lonxitude dos lugares da nosa cultura, románico, igrexas, fervenzas, vexetación e flora, da fauna e pesca que coñezades.E non só iso senón as festas, música, todo aquilo que queirades xeoreferenciar na vosa zona: o voso queixo ou o voso pan...
 
Un traballo que merece todo un ano para el...
 
 
Un grande abano de posibilidades para ir preparando:
 
-Manexar o GPS, Entender o sistema de coordenadas GPS e os sistemas de visualización xeográfica como GoogleMaps ou Openstreetmaps.
 
-Experiencias relacionadas coa orientación. Recrear os primeiros compases cunha agulla imantada sobre unha cortiza flotando nun recipiente con auga…
 
-Expoñer  no centro educativo a serie de carteis sobre Darwin e a Evolución.
 
-Enviar algunhas fotos a nova carta a través da app novacarta (que está en novacarta.eu) ou enviando todas as do centro con xeolocalización de cada unha ou grupo, cos enlaces correspondentes á galipedia, ás páxinas do Concello ou a todas aquelas que consideredes relevantes para describir o lugar do voso concello. 
 
Como podedes ver no apartado de premios en novacarta, solícitase que haxa un profesor responsable que canalice a participación do alumnado e os motive para  que resalten aquilo que consideran un lugar único e mítico e digno de ser coñecido en toda Galicia e p or todos os centros. Os dez mellores en cantidade e calidade recibirán un premio en metálico e outros corenta recibirán a revista de Igaciencia sobre a luz. Ver http://novacarta.eu/gl/node/7 (ao final) e http://novacarta.eu/gl/node/8
-Buscar en novacarta.eu as paisaxes e os miradoiros do norte de Galicia que os fan famosos. O modernismo de Ferrol. A poesía galega ligada á posición xeográfica. Comparar as distintas versións en distintas linguas da galipedia. Facer unha composición, por exemplo, sobre o cabo e faro Vilán despois de buscalo en Novacarta e explicar porque a súa grandeza ben pode ser símbolo de Galicia.