«O punto de Mira é levar a ciencia á rúa cunha mensaxe clara e diáfana»

DIVULGACIÓN Jorge Mira: «O punto de Mira é levar a ciencia á rúa cunha mensaxe clara e diáfana»

O físico Jorge Mira presentará mañá o seu libro «A ciencia no punto de Mira», no que tenta achegar á cidadanía de a pé temas complexos nun ton comprensible

R. Romar
redacción/la voz.
21/10/2010
Jorge Mira: «O punto de Mira é levar a ciencia á rúa cunha mensaxe clara e diáfana»
Mira tentou buscar para o seu libro temas que atraesen ao público

¿Por que aos homes lle gustan máis as mulleres con cadeiras anchas?, ¿falan máis as mulleres que os homes?, ¿cómo funciona o botafumeiro?, ¿realmente os cartos compran a felicidade?, ¿o bilingüismo protexe a saúde?... Estas e outras moitas preguntas son ás que dá resposta, dende o punto de vista científico pero claro, o físico Jorge Mira no seu libro A ciencia no punto de Mira , que se presenta mañá para o gran público, a partir das oito da tarde, na Domus da Coruña. A obra, publicada por Auga Editora, desmonta mitos e asuntos científicos especialmente buscados para chamar a atención da xente común.

-¿Desde que punto de mira escribiu o libro?

-Un, para chegar ao gran público, debe ofrecer unha mensaxe accesible, e a ciencia en moitos casos é inaccesible. O que non se pode é falar de ciencia coa mesma mensaxe para alumnos de 4.ª de Física que para persoas da rúa. E ese é o meu punto de mira: levar a ciencia á rúa cunha mensaxe clara e diáfana.

-Aínda que ás veces se perda complexidade e incluso rigor.

-O divulgador rigoroso non me gusta, porque é imposible. Se queres chegar a moita xente, debes utilizar unha linguaxe comprensible e plana, tes que sacrificar certas cousas e facer liñas rectas onde había curvas. Canto máis compliques a linguaxe, máis lectores perdes.

-Vamos, que é preciso facer a ciencia tamén comprensible ás nais.

-Eu fixen a proba de algodón coa miña nai. Leveille o libro e gustoulle, porque escrito doutra maneira nunca o lería. Incluso me dixeron que nunha perruquería de Baio [o pobo de Mira] está o meu libro xunto co ¡Hola! e o Lecturas . E iso é o que pretendo, chegar a todo o mundo, que a ciencia se comente na rúa ou nos ascensores.

-E a iso axudou, e é o seu outro punto de mira, o feito de que os temas que trata sexan atractivos.

-Si, intento ofrecer temas científicos que chamen a atención da xente, como que as mulleres prefiren aos homes con caras femininas ou que aos homes lles gustan as mulleres con cadeiras anchas. Busquei temas que a min me chamaban a atención como cidadán, e tamén introduzo no libro uns cantos temas relacionados co sexo, como, por exemplo, o feito de que desde un punto de vista evolutivo o tamaño do pene está relacionado co tamaño do dedo.

-¿E non recibe críticas dos seus colegas científicos, que poden pensar que o que vostede está a facer é banalizar a ciencia?

-Non é banalizala, é contala dunha maneira diáfana. Houbo algún puntilloso, sobre todo ao principio, cando empecei, pero agora os meus colegas xa me coñecen e están afeitos ao meu estilo.

-E seguro que tamén se deu o caso contrario.

-Si, de feito hai unhas semanas déronme o premio de Ciencia en Acción pola miña traxectoria, que é un premio dado polos meus colegas de toda España e pode que o fixesen porque entenden que a miña maneira de aproximar a ciencia a xente é interesante.

-Imaxino que coa súa divulgación tamén tentará atrapar vocacións científicas, o cal aínda é máis importante.

-Eu tamén levo o programa ConCiencia da Universidade de Santiago e a visita de Stephen Hawking ao mellor atraeu a moita xente a estudar na Facultade de Física. Eu non sei si esta ou outra accións divulgativas que levamos a cabo inflúen ou non, pero o certo é que nos últimos catro anos a matrícula en Físicas se incrementou de forma espectacular. Antes tiñamos o problema de que non viña xente, e agora vemos que temos problemas para facer unha planificación porque estamos desbordados.