A celebración do Día da Ciencia en galego contribúe a poñer en valor o uso do idioma no ámbito científico e na investigación

A consellería de Educación di que http://www.edu.xunta.es/web/node/3461
A celebración do Día da Ciencia en galego contribúe a poñer en valor o uso do idioma no ámbito científico e na investigación
Para conmemorar esta data, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon a disposición da cidadanía no seu web diversos recursos e información de utilidade para avanzar na consolidación do galego na ciencia
Ven, 04/11/2011 - 12:55
Cartel do Día da Ciencia en Galego

O 4 de novembro conmemórase o Día da Ciencia en Galego, unha celebración que pretende poñer en valor o uso do idioma no ámbito científico e contribuír a promover a investigación desenvolvida na lingua propia de Galicia. Co fin de unirse a esta celebración, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon a disposición da cidadanía, a través do seu portal web, multitude de recursos que poden resultar de utilidade para avanzar na consolidación do galego na ciencia.

O sitio web www.xunta.es/linguagalega/dia_da_ciencia_en_galego inclúe numerosas iniciativas programadas nestas datas para celebrar o Día da Ciencia en Galego, desde as actividades que se van desenvolver en diversas facultades da Universidade de Santiago e en centros educativos de primaria e secundaria, ata programas de divulgación científica como ConCiencia ou feiras científicas do nivel de Galiciencia.

Tamén están accesibles diversos recursos audiovisuais acerca desta temática, entre os que se atopan varios capítulos sobre o programa televisivo Ben falado, reportaxes na canle de televisión por internet Linguagaleta.tv. ou o vídeo da campaña En galego tamén se fai ciencia. O web da secretaría xeral tamén recupera algúns protagonistas da modernización científica, cultural e educativa de Galicia no século XX a través do Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega e do portal Galeguizar Galicia.

Recursos específicos para os centros educativos

Dirixido aos centros de ensino, inclúese material específico de utilidade, desde pautas e recomendacións para que os alumnos e alumnas poidan realizar un bo traballo de investigación ata diversos boletíns de ciencia e tecnoloxía promovidos polos equipos de dinamización da lingua galega. Os centros de primaria e secundaria tamén teñen a opción de celebrar esta data a través de videoconferencias nas que destacados investigadores achegarán os estudantes á ciencia en galego.

Material de utilidade para falar e escribir sobre ciencia en galego, información sobre as convocatorias de axudas das universidades para a investigación en galego e referencias a portais web e blogs con información de interese son outros dos materiais que se poñen a disposición da cidadanía.

Investigación en galego e tamén sobre o galego

Ademais da investigación que se realiza en galego, en Galicia tamén se leva a cabo un amplo labor de investigación sobre o propio idioma. Por iso, no web da secretaría xeral tamén se incide no labor levado a cabo por entidades de recoñecido prestixio a prol do  desenvolvemento da investigación científica sobre a lingua galega. É o caso do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, do Instituto da Lingua Galega, da Real Academia Galega e das tres universidades de Galicia.

O froito do seu traballo, que supuxo importantes avances nos últimos anos, tradúcese en proxectos de alta relevancia social sobre ámbitos como a sociolingüística, a lexicografía ou a terminoloxía. Estas entidades promoven, entre outras iniciativas, a realización de materiais de referencia na ortografía, no léxico e na gramática, favorecen o estudo das variedades da lingua e impulsan a publicación de traballos de investigación en revistas de recoñecido prestixio dentro e fóra de Galicia que poñer en valor a lingua galega.