"Non somos I+D+IOTAS"

http://praza.com/ciencia-e-tecnoloxia/3073/non-somos-idiotas/

"Non somos I+D+IOTAS"

Redacción | @prazapublica

Ao redor de 300 investigadores e investigadoras concentráronse este mediodia na Praza do Obradoiro en protesta contra o recorte no investimento en I+D+i, un acto que se repetiu nas principais cidades e centros universitarios de toda España. Os asistentes a esta concentración convocada por Precarios, precedentes de toda Galicia, portaban carteis e faixas con reivindicacións relativas á importancia da investigación para a sociedade e denunciando as crecentes dificultades para levar a cabo unha carreira investigadora en España, como "non somos I+D+IOTAS".

Os asistentes a esta concentración convocada por Precarios, precedentes de toda Galicia, portaban carteis e faixas con reivindicacións relativas á importancia da investigación para a sociedade e denunciando as crecentes dificultades para levar a cabo unha carreira investigadora

Dende Precarios Galicia amosáronse satisfeitos polo resultado do acto reivindicativo, pero salientaron a necesidade de que participe máis xente en futuras convocatorias. Lembraron a dificultade coa que moitas veces se atopan para ser "visibles" ante a sociedade e anunciaron novas protestas no futuro. Baixo a chuvia os concentrados reivindicaron que queren seguir traballando e investigando na súa terra e que non se queren ver na obriga de emigrar a outros paises para levar a cabo a súa actividade. Outros dos comentarios que se puideron escoitar na concentración facian referencia á cita de Bertrand Russell, que afirmou que "os científicos esfórzanse por facer posible o imposible. Os políticos, por facer o posible imposible". As protestas tamén se fixeron escoitar nas redes sociais co hashtag #PorLaCiencia19D

No acto leuse o manifesto do colectivo Carta por la Ciencia, fomado pola Confederación Española de Sociedades Cientificas, a Conferencia de Rectores de Universidad de España, a Federación de Jóvenes Investigadores, a Asociación Nacional de Investigadores Ramón y Cajal, a Plataforma de Investigación Digna, CC.OO. e UGT. O texto lembrou que "só a través da I+D+i, facendo da Investigación, o Desenvolvemento e a Innovación un dos motores da nosa economía, poderemos sair con perspectivas de futuro e fortalecidos da presente crise económica".

Casualidade ou non este mesmo mércores o Ministerio de Economía fixo publico que vén de acadar un crédito do Banco Europeo de Investimentos para financiar o 50% das instalacións de I+D de España. Deste xeito os 625 millóns de euros irán destinados ao CSIC, que acumula anos de recortes no seu orzamento e que está sometido a intensas medidas de aforro para cubrir o seu déficit, pero que segue necesitando unha achega extra de 100 millóns de euros. Os cartos tamén serán as Infraestructuras Científicas e Tecnolóxicas Singulares (ICTS), entre as que están o Gran Telescopio de Canarias ou a Reserva Científica de Doñana.

Por outra banda, en Vigo levouse a cabo una concentración diante do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, en Bouzas. Na concentración participaron un cento de membros da comunidade científica, sumándose ao persoal do IIM, membros do Instituto Español de Oceanografía e do Centro Tecnolóxico do Mar.