Na Facultade de Veterinaria, en Lugo, o día 4 de novembro ás 10:30, haberá unha serie de charlas sobre as liñas de investigación que se están seguindo no centro e, posteriormente, procederase a distribuír exemplares do "Vocabulario de morfoloxía, anatomía e citoloxía veterinaria".
Na Facultade de Matemáticas as actividades serán o día 8 de novembro. No Salón de Graos, a partir das 12:00, presentarase a Comisión de Normalización Lingüística de Matemáticas, o concurso de vídeo para o alumnado "Explícoche matemáticas 2.0" e o repositorio institucional da USC "Minerva".
Na Facultade de Física, o día 3 de novembro, ás 19 h, na Aula Magna, iníciase o ciclo de conferencias "Física en Compostela", para divulgar as liñas de investigación do centro. A seguir, poderase visionar dous vídeos en galego sobre o experimento LHC.
Na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), poderemos desfrutar do 2 ao 4 de novembro a exposición "Mulleres ConFormando a Ciencia". No Salón de Actos o día 3 de novembro, a partir das 12:00, a ex-alumna Celia Castro falará sobre a pertinencia de elaborar os proxectos en galego e as axudas existentes, e posteriormente, unha táboa redonda sobre "O galego na docencia e na investigación da ETSE".
Na Escola Politécnica Superior, na entrada do Pavillón 3, do día 3 ao 10 de novembro poderase visitar dúas exposicións: unha mostra de traballos científicos en galego e outra dedicada á figura de María Wonenburger. Ademais, o día 4 de 10:30 a 14:00 haberá un visionado continuo de vídeos e documentais científicos subtitulados ao galego.
Na Facultade de Ciencias, o propio día 4 de novembro, organízanse tres actividades: unha exposición sobre bibliografía científica en galego, na entrada do centro, dende as 11:00 e ao longo de todo o día; no Salón de Actos, a partir das 11:45 unha serie de conferencias, obradoiros e presentacións; e dende as 13:30, unha visita guiada aos novos laboratorios do centro.
Na Facultade de Bioloxía, os Comités Galiza organizan unha táboa redonda sobre o uso do galego nas ciencias. Será o día 3 de novembro ás 20:00 h, na Aula A.1.
Na entrada do Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo poderase visitar o Centro de Interese sobre bibliografía científica ou de divulgación en lingua galega, dende o 3 ao 11 de novembro.
O día 4 de novembro celébrase o Día da Ciencia en Galego. Oito centros da USC (Bioloxía, ETSE, Física e Matemáticas -Campus de Santiago- e na Biblioteca Intercentros, Ciencias, EPS e Veterinaria -Campus de Lugo-), organizan actividades polo dereito de desfrutarmos da ciencia na nosa lingua.