http://praza.com/ciencia-e-tecnoloxia/5783/unha-semana-para-a-ciencia-e…
Unha semana para a ciencia, e en galego
Redacción | @prazapublica
Este luns, 4 de novembro, celébrase o Día da Ciencia en Galego, dedicado ao arquitecto Richard Buckminster, á enfermeira Florence Nightingale e a Isaac Díaz Pardo. Será o comezo dunha serie de actividades en toda Galicia.
O Día da Ciencia en Galego está dedicado ao arquitecto Richard Buckminster, á enfermeira Florence Nightingale e a Isaac Díaz Pardo
A Biblioteca Xeral de Santiago instalará dende o luns e ata o venres 8 a exposición Isaac Díaz Pardo: arte, industria e comunicación, unha pequena mostra bibliográfica seleccionada entre as máis de trescentas referencias que se poden atopar no catálogo do centro, á vez que abre un espazo virtual no seu blogue sobre este persoeiro. Pola súa banda, a Biblioteca Intercentros do campus de Lugo e o Servizo de Normalización Lingüística da USC celebran o luns, a partir das 19 horas, unha xincana bibliográfica centrada na vida e no legado das tres persoas ás que rende homenaxe este ano. Trátase dun torneo no que un máximo de dez equipos terán que resolver actividades relativas á localización de documentos impresos ou dixitais relacionados cos homenaxeados tales como libros, vídeos, imaxes ou podcast e cuestións sobre trámites electrónicos de préstamo ou reserva de material.
Ademais, do 4 ao 6 de novembro no Salón Nobre do Colexio de Fonseca persoal de diversos centros do Campus de Santiago impartirán ás 20 horas unha serie de conferencias divulgativas sobre cada unha das temáticas do Día da Ciencia en Galego 2013. O ciclo Nunha relación aberta: Arte e Ciencia comeza o luns coa intervención de Julián Flores, do Departamento de Electrónica e Computación, titulada Dende o ordenador ao artista.
En Vigo, do 11 ao 15 de novembro
Do 11 ao 15 de novembro a ETSE de Minas da Universidade de Vigo levará a cabo unha serie de actividades pola Semana da Ciencia
Pola súa banda, do 11 ao 15 de novembro a ETSE de Minas da Universidade de Vigo levará a cabo unha serie de actividades pola Semana da Ciencia, dirixidas fundamentalmente a estudantes de ensino medio e bacharelato. Haberá visitas guiadas polas novas dependencias da ETSE de Minas, con pequenos espazos de aprendizaxe e divulgación lúdicos e informais, seguindo o modelo dos museos interactivos.
Entre as actividades haberá unha demostración activa de manexo simulado de explosivos, xunto con explicacións das tarefas que os Enxeñeiros de Minas realizan en obra civil subterránea (túneles, aparcadoiros, ...) ou demostracións mesmo de fractura de rochas cun ensaio de Franklin de carga puntual. Tamén se amosarán as posibilidades das enerxías alternativas, en xeral, e en particular da biomasa.
GCiencia, a web da ciencia galega
O 25 de novembro botará a andar GCiencia, unha web centrada na ciencia en Galicia. Ao longo deste mes, nos 22 días que restan para a posta en marcha do proxecto, iranse amosando novidades, comezando pola presentación do logo escollido, realizado por Javier Aguilera.