Editatón, robots, sensores e estrelas. Para encher a ciencia de galego O Cartafol

Editatón, robots, sensores e estrelas. Para encher a ciencia de galego

O martes 4 de novembro, Proxéctate en Galego, un espazo creado polas comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo, vai conmemorar o Día da Ciencia en Galego cun programa de actividades que buscan achegar a ciencia, e nomeadamente o traballo que se fai desde o Campus de Lugo, aos habitantes da cidade.



Comezarase ás 5 da tarde cunha visita guiada á exposición Sensores, organizada por IGACIENCIA na Deputación Provincial de Lugo. Trátase dunha mostra de obras artísticas que evolucionan co tempo, e que interactuan co espectador grazas a unha serie de sensores que recollen as súas reaccións e movementos. Para asistires, achégate 10 minutos antes das 5 da tarde pola praza da rúa de San Marcos (diante do edificio da Deputación).



A partir das 6 e media, no Auditorio da Casa do Saber (edificio da Vicerreitoría), dous docentes deste campus contarannos cousas sobre robots e sobre navegación espacial. Roberto Iglesias, do Dpto. de Electrónica e Computación falaranos de "O nacemento dunha nova xeración de robots" e rematará, máis ou menos ás 7 menos cuarto, cun Obradoiro de robótica. Manuel Andrade, profesor de Astronomía e Astrofísica levaranos "Da maçã de Newton à sonda espacial Rosetta".

Ao remate, se o ceo o permite, farase dende a Muralla unha Observación astronómica e -literalmente- ver as estrelas.

O editatón

Hai moitas maneiras de achegarlle saúde ao galego; as relacionadas co uso das novas tecnoloxías son das máis produtivas. O sábado 8 de novembro de 2014 vai ter lugar o primeiro editatón da Galipedia na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo, co gallo do Día da Ciencia en Galego, ao cal quere contribuír.

Que é un editatón? É unha reunión á que os participantes asisten (física ou virtualmente) para editar e mellorar colectivamente os contidos da Wikipedia ou da Galipedia (a Wikipedia en galego) sobre un tema ou unha serie de artigos relacionados con el.



O primeiro editatón en Galicia vaise centrar en mellorar e aumentar os contidos relacionados co Día da Ciencia en Galego, efeméride que se celebra o día 4 de novembro. As comisións de normalización lingüística dos centros de Lugo, cohesionadas arredor de Proxéctate en Galego, a Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo e Galipedia promoven esta actividade para o sábado 8, a partir das 10:30 h, en sesións de mañá e tarde.



Que non tes nin idea de como se crean contidos para Galipedia? Non te preocupes: se é a túa primeira vez, vai haber unha sesión introdutoria para que perdas o medo. E hai materiais para ires mirando, se queres.



A idea é sinxela: logo dunha brevísima introdución á Galipedia e á súa edición por parte de Elisardo Juncal, da Galipedia, procederase a planificar e distribuír o traballo proposto, para tentar telo listo nas dúas sesións de traballo de mañá e tarde, interrompidas para xantar e distraerse con “Ciencia na sobremesa: A Arqueoloxía Experimental e a apocalipse zombi. Pequeno manual de supervivencia para nerds", a cargo de Carlos Rodríguez-Rellán, do Dpto de Historia I da USC.



Pódese participar a distancia, mais para tirarlle todo o partido ao editatón o ideal é asistir presencialmente; desta forma, ademais de editar pódese coñecer outros wikipedistas e darlle visibilidade ao proxecto. Asistas ou non presencialmente, o importante é que te apuntes na lista de participantes, para facilitar a organización do traballo.

Xoves, 30 de outubro de 2014

Toda persoa que defenda a súa lingua sen agredir a ninguén ten a razón da súa parte. Tilbert Stegmann, Univ. de Frankfurt

http://ocartafol.usc.es/cartafol/contidos/novas/novas_0190.html