Neste 2014 o Día da Ciencia en Galego dedícase a promover o emprego do galego na física, e a destacar as figuras de Isaac Newton, e José Rodríguez González.
No campus de Lugo, a Biblioteca Intercentros e Proxéctate en Galego queremos celebrar esta data con dúas actividades de divulgación científica en galego ás que vos convidamos a asistir e participar activamente:
1. Martes 4 de novembro. Xornada de divulgación científica
Ese día, Proxéctate en Galego organiza un programa de actividades que buscan achegar a ciencia, e nomeadamente o traballo que se fai desde o Campus de Lugo, aos habitantes da cidade.
Comezarase ás 5 da tarde cunha visita guiada á exposición Sensores, organizada por IGACIENCIA na Deputación Provincial de Lugo.
Trátase dunha mostra de obras artísticas que evolucionan co tempo, e que interactuan co espectador grazas a unha serie de sensores que recollen as súas reaccións e movementos.
Para asistir, achégate 10 minutos antes das 5 da tarde pola praza da rúa de San Marcos (diante do edificio da Deputación).
A partir das 6 e media, no Auditorio da Casa do Saber (edificio da Vicerreitoría) dous docentes deste campus contarannos cousas sobre robots e sobre navegación espacial.
- Roberto Iglesias, do Dpto. de Electrónica e Computación falaranos de "O nacemento dunha nova xeración de robots"
E acabará, máis ou menos ás 7 menos cuarto, cun Obradoiro de robótica. - Manuel Andrade, profesor de Astronomía e Astrofísica levaranos "Da maçã de Newton à sonda espacial Rosetta".
E ao remate, se o ceo nos deixa, achegarémonos á Muralla para facer unha Observación astronómica e -literalmente- ver as estrelas.
2. Sábado, 8 de novembro. Editatón do Día da Ciencia en Galego na Biblioteca Intercentros
Este día, a partir das 10 e media da mañá, a Biblioteca Intercentros, a Galipedia e Proxéctate en Galego organizan o primeiro editatón que se celebra en Galicia, no que tamén colaboran Wikimedia España e Nerd Nites Santiago de Compostela, e que elixiu como tema de traballo o Día da Ciencia en Galego.
Un editatón é unha reunión na que se xunta xente (física ou virtualmente) para mellorar os contidos da Wikipedia sobre un tema en concreto.
A sede do evento é a Biblioteca Intercentros e, se andas por Lugo ou te queres achegar por aquí, vas ter unha grande oportunidade de coñecer de primeira man como se organiza o traballo na Wikipedia, e de implicarse nese proxecto contribuíndo a mellorar os seus contidos.
Podes atopar máis información e apuntarte para participar na páxina web do evento.
Máis información:
Cartel dos actos
Proxéctate en Galego
Día da Ciencia en Galego