Escola Infantil Municipal Monte Alto
Proxecto de Ciencia Mesturas
Unidade didáctica- taller aprender cociñando
Resumo
Tanto desde o punto de vista alimenticio como plástico, a xelatina é un produto moi atractivo e interesante, que incluímos dentro do proxecto de ciencia como taller desde 0 a 3 anos.
O grupo de 2-3 anos realiza a actividade previa de preparación para logo trasladala ao obradoiro de experimentación noutros grupos da escola (Unidade Xelatina II).
Na preparación da mestura, os nenos e nenas observan os diferentes estados da materia, senten as diferentes texturas e aprenden as cores básicas. A xelatina ten unhas características moi adecuados para os nenos e nenas destas idades. A súa textura (branda e transparente) favorece os procesos de atención e observación de cores e froitas.
Xustificación, obxectivos e competencias
- Participar activamente na elaboración de mesturas con interese e atención, desenvolvendo un xogo sen dependencia da educadora.
- Tomar iniciativas e explorar posibilidades dos materiais diferentes.
- Expresar con xestos e palabras sensacións producidas durante a experiencia.
- Facer preguntas e mostrar curiosidade.
- Pedir axuda á educadora ou compañeiros
Obradoiro: "Aprender cociñando" - Xelatinas II
Resumo
A xelatina chega á aula cos máis pequenos por sorpresa. Xa está feita e está composta por un conxunto de formas de diferentes cores e tamaños, cheas no seu interior de anacos de froita.
Todo está sobre a mesa de luz, coa finalidade de chamar máis a atención e favorecer o xogo e a experimentación. A actividade permite traballar as formas, cores, e texturas a partir dos produtos elaborados por os "veteranos” e “veteranas” da escola.
Contádenos outras actividades similares para engadir ao proxecto!
Xustificación, obxectivos e competencias
- Observar e apreciar ca man as texturas da xelatina con agrado.
- Xogar e atrapar cos dedos os anacos de froita.
- Manter a atención durante tempos cada vez maiores.
- Xogar sen necesidade do adulto.
- Gozar coas novas sensacións: probar a xelatina.
Resumo
Pintar a cara ou outras partes do corpo xeralmente resulta atractivo e motivador para os nenos e nenas. Engadimos a isto, poder participar no proceso de crear a súa propia pintura. Motivamos ao grupo para desenvolver actividades vinculadas a pintar ou pintarse para unha celebración e relacionámolo cunha experiencia científica: mesturamos para descubrir algo novo e diferente ao anterior.
Elaboramos unha mestura que sexa útil para a nosa actividade escolar, esperamos desta forma que eles mesmos sentan protagonistas de lograr coa mestura de ingredientes algo beneficioso e interesante.
Xustificación, obxectivos e competencias
- Observar, explorar e recoñecer os materiais que forman parte da experiencia. En cada grupo indicaranse as formas de expresar ou recoñecer os materiais
- Distinguir propiedades sinxelas dos materiais: cor, textura, cheiro, sabor… por comparación, relación (fariña, auga, nata, colorante)
- Exercitara coordinación manual, o movemento e axilidade dos dedos. Utilizar obxectos no xogo das mesturas para bater, revolver, coller, etc.
- Expresar xestualmente, verbalmente, gráficamente o proceso de mesturar e combinar
- Gozar das actividades e valorar a obtención de novas sustancias entre todos
- Festexar os logros do grupo
Mesturas: unha aproximación á Química desde as Escolas Infantís
Creemos que o Ano Internacional da Química é unha boa oportunidade para iniciar un programa aberto a todas as escolas infantís e primeiros ciclos de Educación Infantil e Primaria, en torno a palabra "química".
Introduciremos aos nenos e nenas no mundo das mesturas e a través delas descubrirán os aspectos básicos da ciencia, a súa linguaxe propia e a súa forma de traballo específica.
Obxectivos do proxecto:
- Deseñar experiencias sinxelas, claras e didácticas, nas que os nenos e nenas manipulen, observen e gocen co proceso de mesturar e combinar diferentes posibilidades entre líquidos e sólidos.
- Valorar as observacións, preguntas, intereses dos rapaces sobre o tema, adaptando novas situacións ao que vaia aparecendo (proceso aberto).
- Curiosear, preguntar, buscar, descubrir…, intentar que todo favoreza e poña ao neno/a en situación de experimentar e que centralize a súa atención.
- Vivir as mesturas mediante o xogo de expresión corporal: danza e música.
- Favorecer a participación de todos os grupos de aula no global do proxecto, articulando as modificacións necesarias para garantir a calidade e cantidade das mesmas.
- Aplicar no deseño das actividades e no proceso de actividade o método científico destacando previamente a riqueza e valor da observación, a experimentación, a investigación e a dedución baseándose nos resultados.
- Facer unha memoria das actividades con imaxes e textos.
Temas do proxecto (que desexamos sexan ampliados por outros centros)
1. A materia: sólidos, líquidos e gases.
2. Mesturas: líquido-líquido, líquido–sólido, sólido-sólido, líquido-gas.
3. Métodos de separación.
4. Vocabulario.
5. Experiencias: sobre os cinco sentidos.
6. Obradoiros: Dividimos os obradoiros en tres bloques:
- Probando na cociña: conxunto de actividades vinculadas á manipulación e mestura de alimentos elaborando receitas e ofrecendo a posibilidade de probalas.
- Xogando: conxunto de actividades para facer mesturas e utilizalas como materiais de xogo (pompas de xabón, pinturas, etc.).
- Experimentando: conxunto de actividades para realizar combinacións e mesturas con artigos cotians.