Recensión do libro As Mulleres nas Matemáticas en GAMMA 10 de AGAPEMA
Non foi por casualidade que o libro de Matilde Ríos chegou ás miñas mans, pero non dubido de que, de o ver nalgún estante, me chamase a atención. Primeiro polo obvio, o título As mulleres nas Matemáticas, malia que non menos pola acertadísima escolla da ilustración da portada, que reproduce Aula do instituto, 1943, un cadro do querido e admirado profesor e primeiro decano da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, D. Enrique Vidal Abascal. Na ilustración reflíctese a aula dun instituto na primeira metade do século pasado e distínguese a presenza dun número considerable de mulleres. Con esta primeira mirada apreciamos a idea que nos quere transmitir a autora.
Ao longo da historia houbo moitas mulleres que estudaron e investigaron en Matemáticas, mais ás cales a sociedade non lles recoñeceu o seu valor. O libro de Matilde Ríos Fachal (Baía Edicións, novembro de 2008) saca á luz estas mulleres que contribuíron ao coñecemento científico a pesar das barreiras sociais e culturais, e faino a través da narración da vida e “milagres” de 25 mulleres que estiveron relacionadas coas Matemáticas entre o século VI a. C. e o século XX. Ao mellor non están todas as que son, pero sen dúbida, son todas as que están.
Son comúns a todas elas as dificultades que atoparon para se dedicaren á súa gran paixón e só a súa perseveranza, o seu esforzo e a súa intelixencia lles permitiron desenvolveren o seu traballo. Esta idea resulta moi interesante, non só desde a perspectiva de xénero, xa que como sinala a autora na introdución o libro está especialmente pensado para lle resultar accesible ao estudantado de secundaria, ao cal, ademais de se lle transmitir a idea de igualdade de oportunidades e non‑discriminación por ningunha diferenza (xénero, raza…), convén tamén inducir ao traballo, ao esforzo, á responsabilidade…
En cada capítulo nárrase a biografía de cada unha das mulleres seleccionadas. O método que utiliza a autora na súa exposición resulta interesante e reflicte moi ben o título do libro, para que o lector non sexa levado a engano. Salienta os aspectos máis importantes das devanditas biografías desde un punto de vista científico, ao sinalar as principais achegas que realizaron non só no campo das Matemáticas, senón tamén noutras disciplinas, circunstancia que non é rara na maioría dos casos. Refire, así mesmo, de maneira moi clara, as circunstancias familiares, sociais e económicas que fixeron posible que estas mulleres destacasen nun terreo que lles era adverso.
Aínda que non son unha experta no tema, creo que os autores de calquera biografía teñen que realizar dous traballos importantes, independentes da propia redacción, para conseguiren o éxito da súa obra. Primeiro, deben efectuar un traballo previo de documentación e obtención de datos, para nun momento posterior decidiren que aspectos van presentarlle ao lector e, xa que logo, seleccionaren a información que queren transmitir. Ao ler este libro nótase indiscutiblemente que a súa autora dedicou moitas horas a indagar nas vidas das protagonistas destas historias.
No que ten a ver co contido da obra, pola súa vez, Matilde Ríos resólveo dunha maneira moi acertada, pois salienta aspectos sumamente interesantes das súas vidas e da socioloxía da época. Así, no libro pódense ler algunhas curiosidades como quen foi a primeira muller no mundo que obtivo o grao de doutora (s. XVII), a primeira profesora de universidade da historia (s. XVIII), a precursora dos ordenadores (s. XIX), a primeira muller membro da Royal Statistical Society (s. XIX), ¿a coautora da teoría da relatividade? (s. XX), a primeira muller afroamericana que obtivo o doutoramento en matemáticas nos EUA (s. XX), a única muller que recibiu a Medalla De Morgan (s. XX) ou a que pode ser considerada primeira hacker da historia (s. XX), cal foi a primeira tese de Matemáticas defendida na Universidade de Santiago de Compostela por unha muller(1963) ou quen foi a primeira muller que obtivo unha bolsa Fullbright para doutorarse en Matemáticas (1953).
As mulleres nas Matemáticas non é un libro usual de historia das Matemáticas. A súa singularidade, e quizais o que o fai máis interesante se caber, é a introdución en cada capítulo dun conxunto de actividades de Matemáticas, seguramente ás veces vistas de xeito pouco convencional (sic), relacionadas co personaxe ou coa época, precedidas dunha introdución teórica sobre conceptos matemáticos que manexamos na vida cotiá e do que, a maioría das veces, os non‑expertos non son conscientes , mais que unha vez advertidos permiten ver as Matemáticas como algo útil e atractivo.
Así se introducen de forma moi clara os números perfectos, os números cíclicos, os números primos de Sophie de Germain, os números de Fibonacci, os sistemas de numeración, as álxebras de Boole, o sistema axiomático de Peano, a curva de Koch, a banda de Möbius, o triángulo de Pascal, os fractais, os grupos de simetría…
Creo que Matilde Ríos acertou plenamente na selección destas actividades, unha selección que non debeu resultar sinxela polo número (75), pola orixinalidade dos temas e pola idoneidade e a adecuación ao contexto.
En resumo: estamos diante dun libro moi interesante para coñecer a vida e o traballo de mulleres científicas, que en moitos casos permanece oculto por razóns sociolóxicas. Trátase, asemade, dun libro que anima ao lector a superar situacións adversas para conseguir os seus obxectivos. E un libro que te entretén cando te dispós a realizar as actividades propostas.
Meus parabéns a Matilde Ríos por habermos presentado esta obra tan interesante, foi un pracer a súa lectura.
Araceli Torres Miño
Departamento de Matemáticas. UDC
Membro do Consello Asesor da Oficina de Igualdade de Xénero