A circunferencia da Terra tamén se mide en galego

A circunferencia da Terra tamén se mide en galego

Uns 400 estudiantes toman as rúas para fusionar ciencia e lingua

 08:15    
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto
Profesores e alumnos de Vilagarcía durante un experimento na praza de Galicia.  // Iñaki Abella
Profesores e alumnos de Vilagarcía durante un experimento na praza de Galicia. // Iñaki Abella 

O Día da Ciencia en Galego naceu para expresar publicamente "que todas as linguas son válidas para a expresión científica" e como un alegato a prol do uso do galego nas materias científicas e tecnolóxicas. A xornada tivo especial incidencia en Vilagarcía, Cambados e Vilanova, xa que os institutos destas vilas saíron á rúa para realizar en vivo diversos experimentos, ou para explicarlle ós cidadáns como funcionan aparellos tan diversos como un martelo electromecánico ou un aeroxenerador eléctrico con paneis solares, ou como se crea unha complexa figura xeométrica con paus.

A.MARTÍNEZ - O SALNÉS A ciencia pode ser divertida e pode divulgarse en lingua galega. Dúas afirmacións coas que aínda hai xente que discrepa, e que fundamentan o Día da Ciencia en Galego, celebrada onte en toda a comunidade autónoma e con actividades en prazas de Vilagarcía, Cambados e Vilanova.

O obxectivo dos promotores desta iniciativa é sacar as aulas á rúa, para que os estudiantes poidan compartir os seus coñecementos cos demais cidadáns; amosar experimentos curiosos e divertidos; e demostrar que o galego é un idioma con suficiente vocabulario científico como para poder empregarse en calquera publicación de matemáticas, física, química ou bioloxía.

O resultado deste Día da Ciencia en Galego puideron vivilo en primeira persoa preto de catrocentos estudiantes dos institutos Miguel Ángel González, Cotarelo Valledor e Castro Alobre de Vilagarcía; o Faro das Lúas e A Basella de Vilanova; e o Francisco Asorey de Cambados. Fixeron experimentos na rúa, como a medición da circunferencia terrestre a través de sombras; amosaron aeroxeneradores eólicos que funcionan con só achegarlles unha bombilla; aprenderon a idenficar cogomelos...

Tamén moitos cidadáns que pasaban pola rúa coñeceron de boca dos propios estudiantes como se poden facer complexas figuras xeométricas con paus rectos e articulacións de plástico ou como funciona un martelo electromecánico.

O coordinador dos Equipos de Normalización Lingüística do Salnés, Xabier Camba explica que "o obxectivo é facerlle ver á xente que o idioma galego é tan válido como outro calquera para a ciencia". A media mañá amósabase moi satisfeito co transcurso da xornada "porque espertamos o interese da xente, e os alumnos están moi implicados". Unha moza do Miguel Ángel González de Carril, Tatiana Caneda, manifestaba durante a xornada que "valoramos moi ben este tipo de actividades porque é un traballo entretido que che axuda a comprender mellor as matemáticas". Outro estudiante de Vilagarcía alegaba que "as asignaturas científicas poden impartirse perfectamente en galego, tanto como Historia, Filosofía ou Literatura".

Precisamente en Vilagarcía a actividade celebrouse na praza de Galicia. Había unha carpa na que se proxectaban vídeos sobre ciencias, algúns deles elaborados polos propios estudiantes; mesas nas que estaban dispostos os experimentos; e unha exposición de fotografía matemática. Nela, os alumnos parten de imaxes extraídas da vida real –como o parque infantil de Miguel Hernández ou os patos do río do Con– para reflexionar sobre conceptos como os números periódicos, a campá de Gauss ou a simetría.

Noutras mesas había crebacabezas e outros xogos de enxeño ou curiosidades como unha bolboreta mecánica. Outra localidade na que se festexou o Día da Ciencia en Galego foi a de Cambados. Alí, os estudiantes xuntáronse na Praza do Concello, e montaron unha maqueta a escala do Sistema Solar. Tamén mediron o radio terrestre a partir da sombra dunha vara, e aprenderon a calcular a altura de obxectos altos, como edificios ou árbores.

Finalmente, en Vilanova os mozos concentrarónse no Xardín Umbrío e realizaron un paseo matemático pola vila. Expuxeron maquetas de células animais, identificaron cogomelos, xogaron a recoñecer as especies vexetais presentes no parque e analizaron conceptos como curva, simetría ou ángulo.