Fraseoloxía en galego

Submitted by dubert on Mar, 04/17/2012 - 19:35

Cadernos de Fraseoloxía Galega (CFG)
é unha publicación anual do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en
Humanidades dirixida por Xesús Ferro Ruibal. Os obxectivos científicos da
revista son esencialmente tres: recoller e difundir fraseoloxía galega, publicar
traballos relacionados co ámbito fraseolóxico de calquera lingua e dar a
coñecer os eventos e publicacións máis importantes relacionados co dito ámbito.

Pero
asemade, existe un cuarto obxectivo que se fai explícito nas liñas que serven
de presentación á revista: “Cadernos de
fraseoloxía galega
[...] forma parte dun proxecto social de normalización
da lingua propia de Galicia”. Con este fin, todos os traballos que se presentan
na revista, e que, tras un proceso de dobre revisión anónima, son aceptados
para a súa publicación, se traducen gratuitamente ao galego, de tal xeito que os
CFG están redactados integramente nesta lingua.

Este
feito é tanto máis importante en canto moitos dos autores que publican nos Cadernos son reputados fraseólogos cuxos
traballos constitúen unha referencia fundamental para todos os investigadores
deste campo. Así, na revista atopamos traballos orixinais e en galego de autores como Alberto
Zuluaga (Universidade de Tübingen), Stefan Ettinger (Universidade de Augsburg),
Vilmos Bardosi (Universidade Eötvös de Budapest), Hans Schemann (Universidade
do Minho), Dmitrij Dobrovol’skij (Universidade Estatal de Moscova)... No último
número da revista, o 14, cómpre destacar a contribución de Elisabeth Piirainen,
responsable do coñecido proxecto Widespread
Idioms in Europe and Beyond,
no que se analizan as expresións fraseolóxicas
con maior difusión nas linguas do mundo, esencialmente nas europeas.

Cómpre
tamén citar a gran cantidade de linguas que son analizadas, desde o punto de
vista fraseolóxico, nos CFG: galego, español, alemán, italiano, francés e
inglés. E en números anteriores, descubriremos, entre outras linguas, artigos
sobre o húngaro, o portugués, o grego, o árabe, o vasco, o ruso ou mesmo o
esperanto.

Os
Cadernos de Fraseoloxía Galega, polo
seu carácter especializado (trátase dunha das poucas publicacións
especializadas en fraseoloxía que existen no mundo), polo prestixio de moitos
dos seus colaboradores e polas moitas linguas que son analizadas nos seus
traballos, contribúen a dar a coñecer o galego por todo o mundo e a demostrar
que, evidentemente, a ciencia tamén fala galego.

http://www.cirp.es/pls/bdox/inv.cfg_ini