Fillo Predilecto de Lalín

http://diariodepontevedra.galiciae.com/nova/373593-matematico-sera-fill…

O Matemático será Fillo Predilecto de Lalín


Etiquetas: Lalín, Fillo Predilecto, Matemático Rodríguez

18/11/2014 - Raquel Torres (Lalín)

Tiña un nome de pía común; Xosé, uns apelidos, máis comúns, se cabe, Rodríguez González. Naceu na aldea de Bermés de Abaixo (Lalín) no seo dunha familia ben humilde. Tanto foi así que tivo dificultades económicas para poder rematar os seus estudos, pero foi un loitador coma poucos e superou os atrancos que lle supuxeron ter un peto pobre. Aínda que bastante descoñecido para o público en xeral -máis alá do ámbito da ciencia-, chegou a ser un referente científico de primeira orde, especialmente en Francia e Inglaterra. Dirixiu o Observatorio Astronómico de Madrid e rexeitou, por cuestións de saúde, asumi-la dirección do de San Petesburgo. Alí facía demasiado frío. Esa non foi a razón oficial, pero si a oficiosa.

Na universidade máis prestixiosa da capital francesa, a Sorbona, atópase o maior feixe de documentación sobre os seus estudos matemáticos, astronómicos, de física e de xeodesia, que están servindo de base para a biografía que prepara o profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. «Foi o primeiro matemático galego de relevancia e, quizais, como recordou onte o presentador da homenaxe, o máis importante científico do seu tempo». Xosé Rodríguez González (Lalín, 1770-Santiago, 1824) recibiu onte un recoñecemento máis ca merecido grazas á iniciativa de Igaciencia e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que decidiron deciarlle o Mes da Ciencia en Galego ó ilustre lalinense.

Onte, na súa terra natal de Bermés, estiveron os seus descendentes para recolle-los parabéns do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e dunha longa ringleira de autoridades. Entre elas atopábanse o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o responsable provoncial de Educación, César Pérez; o deputado autonómico e concelleiro de Lalín, Román Rodríguez; o escritor e historiador Armando Vázquez, o catedrático de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e director do Observatorio Astronómico Aller, José Ángel Docobo, e o presidente da Real Academia de Ciencias, Miguel Ángel Ríos. Estas dúas autoridades no eido científico galego ofreceron, logo do acto oficial, unha conferencia a alumnos do instituto Laxeiro sobre a importancia da ciencia en xeral na vida diaria e das matemáticas en particular. Pola súa banda, os escolares dos tres niveis de Infantil do colexio Varela Buxán de Cercio tiveron ocasión de achegarse á figura do Matemático Rodríguez cunha recreación lúdica do seu bo facer. Un membro de Xandodela, Xestión e Dinamización Cultural, apareceu no escenario: era o embaixador do zar ruso Alejandro I, aquel que quixo fichar ó matemático Rodríguez para dirixir o Observatorio asentado na segunda cidade máis poboada de Rusia. O delegado do zar explicoulles ós nenos que o matemático foi «un home moi listo de Lalín», que mediu a circunferencia da Terra e que ratificou que non era redonda, senon achatada polos polos.

«Foi un perpétuo estudante», subliñou o titular de Educación, Jesús Vázquez, recollendo así as verbas que lle adicara o astrónomo Aller na biografía do científico.

O conselleiro e mailo alcalde colocaron unha coroa de loureiro xunto ó busto que ten o científico no seu Bermés natal.

No casco urbano de Lalín tamén hai unha rúa dedicada a el, pero «o Concello ten unha débeda con este ilustre», dixo Crespo. Para saldala, o Goberno que dirixe proporá ó Pleno da Corporación correspondente ó mes de decembro o nomeamento de Xosé Rodríguez González como Fillo Predilecto de Lalín. Tamén lle adicará outro acto no que se descubrirá unha praca na súa casa natal.