O Blogue Carta Xeométrica

O Blogue nace no mesmo momento que Ciencia en Galego, na reunión convocada pola CIG convocando a profesorado de Ciencias. Nesa reunión Manuel Díaz Regueiro, presidente de IGACIENCIA (nese momento de AGAPEMA, tamén), propón a creación do Día da Ciencia en Galego nos centros de secundaria e primaria de Galicia, fundamentalmente, e coa participación activa do profesorado de Ciencias. Cibrán veu o seu camiño de Damasco nese mesmo momento.

Para que vexades o grao de implicación do blogue en cuestións, déixovos unhas palabras da súa presentación:"Nada máis saír do meu cadaleito atopei aquí mesmo, no Museo do Pobo Galego, unha reunión de profesores de ciencias que se xuntaron baixo un noble obxectivo: eles impartían as clases en galego e afirmaban que seguirían a facelo a pesar da implantación do funesto decreto 79/2010, o chamado de plurilingüismo. Mestureime entre les e enseguida comprendín a razón da miña resurrección; xa sei o que vin facer aquí, a esta nova vida, e así o declaro: “Eu, que apliquei a trigonometría á terra para facer o mapa de Galicia e, como a terra quere lingua, quero agora aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso mellor ben colectivo: o galego”.

Desde logo, así o leva facendo desde entónces. Os seus artigos sobre a Calculadora de da Vinci e Verea, no III Día da Ciencia en Galego, acadan unha gran calidade.

Sumando en galego.2

 

No seguinte vídeo vai unha escolma das intervencións do pasado venres, o día da miña resurrección. Por alí andaba eu.

Podeder ver anacos das intervencións de Marta Dacosta, Anxo Louzao e Carlos Callón. Estiveron todos ben, foron claros e non fixeron intervencións máis longas do necesario.

É de agradecerlle á CIG-Ensino e a Quermos Galego, os organizadores do evento, que invitaran a directivos de asociacións de profesores. Fixeron tamén a súa achega Manuel Díaz Regueiro, de AGAPEMA e Pedro Gerpe, de APETEGA. Cónstanos que tamén invitaron aos directivos de ENCIGA, que non puideron intervir por ter outras ocupacións este día.

Por último, eu quería destacar as intervencións dos profesores que alí estaban. Especialmente as de Consuelo Campos, profesora de FeQ que non é galega mais que sempre deu as súas aulas en galego, xa desde o 79 e a de Clara Ogando, quen  lembrou que no seu día subscribíuse un manifesto dos licenciados en galego (no primeiro lustro dos 70, probabelmente en 1972) e que desde entón asumiu que debía dar as súas aulas en galego. Invítovos especialmente a que escoites estas dúas últimas intervencións, falan de alumnos, de clases, da defensa do galego... a partir do minuto 6:30

http://cartaxeometrica.blogspot.com.es/2010/06/sumando-en-galego2.html

http://cartaxeometrica.blogspot.com.es/2011/11/engano-falsidade-cinismo…

Engano, falsidade, cinismo

 

A proposta de celebrar o Día da Ciencia en Galego foi realizada por Manuel Díaz Regueiro, presidente de AGAPEMA o 18 de xuño do 2010 no Encontro do profesorado contra a prohibición de impartir as clases en galego. Organizado pola CIG-ensino e celebrado no Museo do Pobo Galego, nese encontro o profesorado reafirmouse na súa vontade de continuar a dar as clases en galego. Éste mesmo foi o sentido co que naceu o Día da Ciencia en Galego. Polo tanto a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) engana cando afirma que esta celebración:


 pretende poñer en valor o uso do idioma no ámbito científico e contribuír a promover a investigación desenvolvida na lingua propia de Galicia

Pois todo o sentido que ten este Día é o de denunciar a prohibición de impartir aulas en galego promovida por esa propia Secretaría Xeral nun afán de redución do seu uso especialmente no ámbito do ensino das ciencias. Que a SXPL se apunte  a esta festa vén sendo como que un bispo se apunte públicamente a unha orxía.

Sabendo que o obxectivo fundamental dos actos desenvolvidos o 4 de novembro é a retirada do funesto decreto de plurilingüismo que ataca o uso do galego en matemáticas, física e química e tecnoloxía, podemos comprobar a falsidade da SXPL cando pretende redefinir este obxectivo :


A investigación científica e a súa divulgación, incluída tamén a das humanidades, son piares básicos para o progreso da sociedade. 

Tendo en conta que a política lingüística aplicada polo organismo dirixido por Anxo Lorenzo ten como marca a  procura da exclusión da lingua galega das aulas de ciencias podemos comprobar como a que niveis chega o cinismo da SXPL:


A lingua galega debe incorporarse naturalmente, e con plena validez, como vehículo para a transmisión social deses avances no coñecemento nas diferentes áreas.

Para o que non teña costume de ler as notas da SXPL, cómpre que se decate do detalle de que se di "nas diferentes áreas" e non "en todas as áreas". Isto é: exclúen o galego pero aparentan promovelo.

Teñamos en conta que se fose certo que a Consellería de Educación ou a SXPL quixeran realmente apuntarse á celebración do Día da Ciencia en Galego, ben podían ter enviado un e-mail ao profesorado unha invitación neste sentido, ben podían haber difundido as actividades desde Día no seu boletín, na súa páxina web, na da SXPL, ou ben puideron  organizar actividades. Nada diso fixeron. Isto dáme que sospeitar que o que sucede é que o Día da Ciencia en Galego está a ter éxito, e que cunha nota de prensa preténdese frear o que, afortunadamente, é unha bóla que crece cada día máis: o compromiso diario do profesorado de todas as áreas no ensino en galego.