Feijóo acatará as sentenzas do decreto se o BNG asume a política lingüística do PP

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Acatamento con peaxe. O presidente da Xunta acudiu este mércores á primeira sesión de control parlamentario da lexislatura cunha inédita proposta no cartafol. Despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ditase, en maís de media decena de sentenzas, a ilegalidade de artigos nucleares do denominado decreto do plurilingüismo, a Alberto Núñez Feijóo tocáballe explicar se seguirá ou non a liña marcada polos maxistrados. O Goberno "primeiro dixo que as sentenzas refrendaban o decreto ao 100%" e "ao día seguinte anuncia que as vai recorrer". Por iso o nacionalista quixo saber "en que quedamos?". E Feijóo respondeu cun ofrecemento condicionado a un cambio no ideario do Bloque.

Xa que o BNG "fai fincapé no TSXG" el asegura "aceptar ese pacto". "Podemos aparcar as diferenzas", "deixamos o decreto como está e non se recorren as sentenzas". "Se vostedes aceptan totalmente eu tamén acepto a sentenza totalmente", di o xefe do Goberno, nunha proposta que, explica, ten que traer consigo que o BNG acepte o resto de preceptos do decreto, tales como o veto á impartición en lingua galega de certas materias ou o reparto de carga horaria entre galego e castelán. Isto, sempre a xuízo do líder conservador, implicaría que os nacionalistas "volven ao consenso".

Jorquera subliña que quen debe "retornar ao consenso" é o PP, a comezar por "derrogar o decreto da vergoña"

Pero se o BNG non acepta todo o decreto agás os artigos ilegalizados "eu seguirei o compromiso co programa electoral e coas urnas" para "ver se é posible", pola vía do recurso de casación ante o Tribunal Supremo,  "mellorar a liberdade dos pais" e "a liberdade dos alumnos", isto é, condicionar a lingua do ensino á vontade de cada familia e que o alumnado empregue o idioma que considere oportuno, con independencia da lingua na que se imparta cada materia. Consciente do rexeitamento nas filas nacionalistas, que Jorquera expresaba xa dende o seu escano, Feijóo botou man dun dos clásicos da campaña popular, agora reformulado, para preguntarse se no Bloque "se cren unha especie de SGAE de titularidade do idioma galego". "O noso modelo é o do equilibrio, cal é o seu, o catalán?". "Non lle imos pedir permiso ao BNG para falar galego", abonda.

As reflexións presidencias ían subindo a temperatura nun hemiciclo xa caldeado non só pola banda do Bloque. Así, dende as bancadas de AGE o deputado David Fernández, que expresaba a súa indignación xestual e sonoramente, rematou por sentenzar en alta voz e cara ao PP que "non tedes nin puta idea de educación, delincuentes!", unha afirmación que levou a presidenta da Cámara a chamalo á orde en dúas ocasións -tres chamadas equivalen á expulsión-. Previamente, Jorquera tentara ilustrarlle a situación a Feijóo explicando que "se no mesmo curral son libres o raposo e a galiña, o raposo sempre comerá á galiña". Quen ten que "retornar ao consenso" é o PP, di, e ese proceso debe comezar coa "derrogación do decreto da vergoña".

http://praza.com/politica/3074/feijoo-acatara-as-sentenzas-do-decreto-s…