Introdución
Con motivo da celebración do II Día da Ciencia en Galego o vindeiro venres 4 de novembro, a Coordinadora Galega de ENDL convida a todos os centros educativos non universitarios a participar en dúas videoconferencias vía web, na que destacados investigadores galegos da Universidade de Santiago de Compostela achegarán temáticas de interese curricular para o noso alumnado e os proxectos científicos que desenvolven na actualidade. Ademais de seguir a videoconferencia, os centros escolares que desexen participar terán a posibilidade de interaccionar con eles vía chat a través dunha sala virtual de fácil manexo.
VIDEOCONFERENCIA PARA SECUNDARIA
Título: "Aplicacións da investigación xenética: o seu uso na práctica policial"
Ponente: Ángel Carracedo, Catedrático de Medicina Legal e director do Instituto de Medicina Legal e do Grupo de Medicina Xenómica da USC.
Contido: unha introdución sobre o ADN será o punto de partida para achegar as aplicacións da xenética no campo da investigación forense, área no que os grupos de investigadores liderados por Ángel Carracedo lideran a produción científica mundial.
Destinatarios: alumnado de 2º ciclo da ESO e Bacharelato.
Data e hora: venres 4 de novembro entre as 12:30h e as 13:30h. Esta hora vén determinada pola diferenza horaria coa cidade de Natal (Brasil), onde o noso convidado participará nun conggreso internacional.
VIDEOCONFERENCIA PARA PRIMARIA
Título: “O valor dos bosques na sociedade actual: os seus compoñentes, as árbores; a súa conservación e o seu aproveitamento sostible”.
Ponente: Mª Isabel Fraga Vila, profesora e membro da cátedra de Botánica da USC e directora do Museo de Historia Natural da universidade.
Contido: a temática centrarase no equilibro ecolóxico dos bosques e a importancia de cada un dos seres vivos que os compoñen, desde os máis coñecidos a aqueles aparentemente invisibles aos nosos ollos, mais fundamentais para que a vida nos bosques se siga desenvolvendo de xeito equilibrado.
Destinatarios: alumnado de 2º e 3º ciclo de EP.
Data e hora: venres 4 de novembro entre as 10:30h e as 11:30h.
NECESIDADES TÉCNICAS DOS CENTROS
Ordenador con conexión a internet (recomendado con cabo, non con wifi) e altofalantes, canón proxector e pantalla e software: Flash Media Player.
INSCRICIÓN
Por motivos organizativos, os centros interesados (ata un máximo de 100) deben enviar un correo a correo@coordinadoraendl.org indicando os seguintes datos: nome do centro, departamentos/docentes implicados, niveis educativos en que se vai... desenvolver a actividade, Nº de alumnos/as implicados/as, profesor/a de contacto (tamén correo), e Observacións (dúbidas, suxestións, etc.).
A continuación, recibirán un correo no que se lles informará do enderezo URL da Sala Virtual e se lles dará as instrucións pertinentes.
http://www.coordinadoraendl.org/entrada.php?paxina=cienciaengalego%2F2011%2Fvideoconferencias.php