AS MADRIÑAS DA TÁBOA PERIÓDICA no CPI Fonte Díaz- Touro

Submitted by mfbouza on Sáb, 11/23/2019 - 22:08

Ola, dende o CPI Fonte Díaz de Touro! Neste mes de novembro, mes da ciencia en galego, queremos compartir o traballo que elaboramos para conmemorar o 150 Aniversario da Táboa periódica ademais de celebrar o "Ano das Mulleres" no noso colexio.

Quixemos dar visibilización ás mulleres a través do Sistema Periódico e para iso creamos unha táboa de “madriñas”, mulleres científicas que “dan nome” aos elementos do sistema periódico. Son mulleres nas que o seu nome ou o seu apelido de nacemento coincide co símbolo dos elementos químicos (aínda que moitas delas pasaron á historia e son máis recoñecidas polo apelido do seu marido, aquí consideramos o seu propio nome de solteira).

As 118 escollidas son mulleres de moi variadas ramas da Ciencia (físicas, químicas, biólogas, antropólogas, matemáticas, astrónomas, médicas, enfermeiras...); de todos os tempos, dende a antigüidade ata os nosos días, e tamén de todas as nacionalidades.

Salientamos de xeito especial en distintas cores tres grupos de científicas: en cor verde aquelas directamente relacionadas coa propia táboa periódica, ben por ser descubridoras dalgún elemento, ben por colaborar ou pertenecer a un equipo investigador que descubriu outros, ou mulleres que ven recoñecidas as súas achegas á ciencia co nome dun dos 118 elementos coñecidos ata o momento.
Inclúense tamén, en cor laranxa, mulleres que gañaron un premio Nobel nalgunha disciplina científica.
E tamén, por suposto, debemos subliñar especialmente (azul) o traballo das mulleres galegas que destacaron e destacan actualmente en variadas disciplinas científicas.

E o alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO tamén “amadriñou” co seu propio nome e apelidos e sobre todo co seu traballo, aos elementos químicos do Sistema periódico.

Compartimos unha pequena presentación do traballo que inclúe algunhas fotos.
Sempre para que teñamos máis Ciencia en galego!