O espectáculo da ciencia
05/11/2011 - Mar M. Louzao / El Progreso (Lugo)
A facultade de Ciencias agocha segredos moi útiles. Por exemplo, a fórmula para converter en ouro as moedas de curso corrente, aínda que, como na maxia, é todo pura apariencia así que de pouco serve como remedio contra a crise. Porén, dá un bo truco para interesar aos estudantes de Eso e Bacharelato nos misterios da química. A iso adicaron as súas enerxías e o seu inxenio algúns dos profesores da facultade de Ciencias, nunha xornada que congregou a case trescentos estudantes de institutos lucenses.
«Os químicos procedemos dos alquimistas», gabouse o profesor Julio Seijas, o encargado de levar adiante un obradoiro de química recreativa que tivo máis éxito ca un espectáculo de maxia. No canto da pedra filosofal para converter o chumbo en ouro, usou moedas dun céntimo ás que lles deu un baño de zinc, que as fixo prateadas. Despois quentounas, de xeito que amalgamaron co cobre e quedaron douradas. Dous efectos que causaron moito interés no público, aínda que tiveran pouco proveito económico.
Non foi o único experimento con cartos. Seijas tamén demostrou que se se molla un billete de 50 euros en alcohol non arde por moito que se lle prenda lume, por fortuna para o xeneroso propietario dos cartos.
Non foi quen de obter un diamante por deshidratación de hidratos de carbono, pero si logrou converter unha boa pedra de sucre en carbón grazas á acción deshidratante do ácido sulfúrico.
Houbo máis experimentos con resultado sorprendente, como a potente detonación que se produciu cando aplicou enerxía mecánica -un martelo- a unha mezcla de fósforo e clorato potásico. Como ben explicou o profesor e investigador da facultade de Ciencias, «non se recomenda facer estos experimentos na casa», para iso están os laboratorios.
Antes desta demostración houbo outro obradoiro de Química con produtos caseiros, a cargo de Manuel Paz, no que a partir de cachiños de repolo e usando produtos domésticos, como lixivía ou sosa, fíxose a gradación de cores que se usa como escala de Ph.
Na xornada da Ciencia en Galego, organizada pola comisión de normalización lingüística da facultade, tamén se aproveitou para presentar o libro ‘O nome e o símbolo dos elementos químicos’ ou o congreso que a Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia vai desenvolver na Fonsagrada para poñer en común, entre outras cousas, outros métodos que acheguen o contido aos alumnos. Tamén se entregaron premios ao emprego do galego nos traballos académicos a Vanesa López, de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, e Roberto Rodríguez, de Enxeñaría Técnica Industrial
Todo para divulgar a ciencia e «amosar que tamén se fai en galego», como indicou o coordinador da comisión organizadora da xornada, Marcelino Maneiro.
HISTORIA |
Julio Seijas explicou tamén a orixe do amoníaco e o seu vínculo con Lugo. «Aquí temos un oráculo de Ammón en San Roque, o orixinario está en Siwa, Libia, alí os sacerdotes producían amoníaco queimando esterco de dromedario e usábano nas súas profecías». De aí procede a palabra amoníaco. En Lugo, a falta de esterco de dromedario, conseguíase un efecto similar por degradación de tecidos animales, como cornos ou pezuños, que se quentaban e se tapaban con lá por riba. A lá absorbía os gases e despois diluíase con agua para obter o amoníaco, explicou o profesor Seijas. Outros actos Outros centros sumáronse á celebración con diversos actos. Na Escola Politécnica Superior estará durante unha semana a exposición ‘María Wonenburger’ e ademais pasáronse varios documentais. En Veterinaria, desenvolveuse unha charla sobre investigación e repartiuse a obra ‘Vocabulario de morfoloxía, anatomía e citoloxía veterinaria’. |