Nova Escola Galega esixe a rectificación do Valedor do Pobo e do Conselleiro de Educación
O movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega quere expresar publicamente o seu abraio diante do informe do Valedor do Pobo en relación cos contidos recollidos no libro de texto de Coñecemento do Medio de 5º curso de Educación Primaria publicado pola editorial Vicens Vives e a correlativa actuación da Consellería de Educación e O.U.
Unha vez máis, as actuacións do Valedor e do propio Conselleiro seguen respondendo aos seus prexuízos respecto do idioma galego e non ao servizo que como cargos institucionais e no exercicio das súas respectivas responsabilidades deben ter no respecto e protección do idioma. Este novo episodio e o balbordo xerado evidencian de maneira gravísima a irracionalidade do seu proceder, sen molestárense sequera en comprobar se a denuncia ten un baseamento real que poida motivar unha actuación de ambas institucións coa lixeireza e contundencia coa que se produciu.
Como calquera pode comprobar, a unidade didáctica nº 4 do libro de 5º de primaria da editorial Vicens Vives trata do goberno de Galicia, e como parte dos seus contidos refírese ás linguas en diferentes ocasións. Así nas páxinas 56 e 57, indica o seguinte:
Parece pois inaudito que o máximo responsable da educación do país e a institución que debe velar polo cumprimento dos dereitos da cidadanía galega se lancen á censura dun libro sen unha mínima comprobación sobre os seus contidos.
O Valedor no seu Informe fala “dunha situación antixurídica, a transmisión aos escolares de 5º de Primaria dun contido incompleto en canto á regulación estatutaria das linguas oficiais nesta Comunidade Autónoma, sexa ou non deliberada. Como tal contido incompleto, produce un coñecemento inexacto do réxime xurídico das linguas oficiais en Galicia e, en consecuencia, non só carece do rigor científico imprescindible nos libros de texto senón que transmite unha información contraria á configuración constitucional da cooficialidade lingüística como expresión xurídica do bilingüismo, sobre os seus principios constitucionais e sobre o seu alcance.” En consecuencia insta á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a que “adopten as medidas oportunas para que non se utilice o libro de texto citado, en tanto o seu contido non sexa corrixido no sentido xa comentado”, a que “se tente reforzar a supervisión dos libros de texto e outros materiais curriculares que, de acordo coa lei, constitúe parte do proceso común de inspección que exerce a Administración educativa sobre a totalidade de elementos que integran o proceso de ensino e aprendizaxe, e que debe velar polo respecto aos principios e valores contidos na Constitución e ao disposto nas leis”
Trátase, xa que logo, dun exceso de celo censor que revela os enormes prexuízos que presiden a actuación de dúas das máis altas institucións do país, preocupados e ocupados nada menos que en converter o coñecemento do Estatuto de Autonomía de Galicia nun problema. A ninguén cun mínimo sentido común se lle escapa que unha referencia legal recollida nun libro de texto non ten por que ser exhaustiva –estamos falando de estudantes de 5º de Primaria, non de alumnado da carreira de Dereito– e, ademais, precisamente a información fundamental a xuízo destes censores, ofrécese na páxina anterior.
Coñecido e desvelado “o problema”, como en tantas ocasións grazas a actuación de entidades e cidadáns, resulta dificilmente explicable que non se teña producido a máis mínima rectificación pública por parte dos responsables de accións tan espurias como inquisitoriais. Tampouco os medios cuxos columnistas fixeron sangue da reacción airada da cidadanía son quen de arriar as velas agora. Instalados na consigna do “todo vale”, a mentira é sen dúbida a estratexia máis valiosa. Mágoa que, nesta ocasión, as présas compuxeron unha “trola” difícil de agochar.
Nova Escola Galega entende que non deben seguir á fronte dos seus cargos persoas carentes do coñecemento das súas obrigas, do máis mínimo sentido da responsabilidade e da sensibilidade necesaria para non facer dos seus prexuízos un problema constante para a sociedade galega.
Compostela, 21 de decembro do 2011
NOVA ESCOLA GALEGA
Rúa San Clemente, 18. Baixo
15705 Santiago de Compostela
Tel./Fax: 981 562 577