Manifesto de APETEGA ante o decreto de plurilingüismo

Ante a publicación do borrador do Decreto do Plurilingüismo, a Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (APETEGA) quere expresar a súa desconformidade co mesmo, atendendo ás seguintes razóns :

Como asociación xa manifestamos a nosa preocupación ante a derogación do Decreto 124/2007, xa que consideramos que a lingua galega forma parte da riqueza e da idiosincrasia do noso país. Como todos sabemos, o seu uso está en alarmante retroceso entre a xente nova. Pensamos que dende as institucións educativas a lingua galega debe ser transmitida e apoiada para fomentar o seu uso, debe ter unha discriminación positiva, buscando que as novas xeracións vivan unha situación de igualdade real entre as dúas linguas de Galicia.

A área de Tecnoloxía é relativamente nova, e xa dende o principio moitos profesores e profesoras tivemos que preparar materiais curriculares necesarios para desenvolver o noso traballo, dada a falta de recursos existentes para a área, na nosa lingua. Moitos compañeiros e compañeiras, adicaron moito tempo a producir e traducir textos ao noso idioma, preparando unidades didácticas, cursos, obradoiros, adaptando programas informáticos, facendo blogues, páxinas web, etc..., motivados pola nosa responsabilidade como docentes. Todo iso co obxectivo claro de adaptar a área de Tecnoloxía á nosa identidade cultural e lingüística.

Entendemos que non hai ningún criterio pedagóxico que xustifique que a área de tecnoloxía se imparta nun idioma ou noutro. Non se debe segregar as materias por idiomas, o que levaría a privar ao alumnado de comprender e desenvolver a ciencia e a tecnoloxía en lingua galega.

Por todo isto, APETEGA solicita á Consellería de Educación que tamén permita ao profesorado de Tecnoloxía de Galicia utilizar o galego como lingua vehicular do seu ensino.

 

En Santiago de Compostela, a 25 de marzo de 2010